Constitución do Comité de Empresa

Xuño 26, 2007

Hoxe constituise por fin o comité de empresa que vai a representar ó noso colectivo. Nesta constitución nomeouse como presidenta a Carmen Alonso Montes, representante de UGT y como secretaria a Janet Fernández López, representante de CCOO. Como primeiro punto importante imos intentar manter unha reunión co Rector da universidade para por en coñecemento no só a nosa situación senón tamén tódolos puntos importantes do noso programa en líneas xerais. O máis importante neste momento é ter un recoñecemento pola institución que nos contratou da nosa situación particular, e iniciar unha vía de diálogo e negociación.

Ante todo quixéramos agradecer a vosa confianza. Imos loitar por todos e cada un dos puntos do noso programa. Asimesmo neste foro teredes constancia do noso traballo e logros. Grazas.


Resultados das eleccións ao comité de empresa de persoal contratado (convenios e proxectos, FPI, FPU, María Barbeito, predoutoral UDC, prog. udc-xunta persoas desempregadas)

Xuño 5, 2007

Tras as eleccións do pasado 31 de maio, querémosvos agradecer a confianza depositada na nosa candidatura e no noso programa. Somos a segunda forza sindical en número de votos e imos loitar por desenvolver o noso programa. Queremos contar con todos/as, polo que vos pedimos que vos poñades en contacto connosco a través desta web ou a través dos nosos representantes no Comité:

Queremos normalizar a nosa situación na UDC, queremos a equiparación de dereitos co convenio PDI-Laboral e/ou PAS-Laboral, a inclusión no Plano de Acción Social da UDC, conseguir un plano de estabilización, promover un plano de formación específico, a aplicación de políticas de igualdade e saúde laboral.

Moitas Grazas por confiar en nós,
Sección sindical de FETE-UGT na UDC.


Participa nas túas eleccións e exerce o teu dereito

Maio 31, 2007

No día de hoxe celébranse as eleccións sindicais para o  COMITÉ DE EMPRESA DE PERSOAL CONTRATADO CON CARGO A: CONVENIOS E PROXECTOS, FPI – FPU, PROGRAMA DA UDC COA XUNTA PARA A CONTRATACIÓN DE PERSOAS DESEMPREGADAS, PROGRAMA MARÍA BARBEITO, PROGRAMA PREDOUTORAL UDC.

Animamoste a participar nestas eleccións e exercer o teu dereito ao voto. Tes tempo deica as 17 horas, as urnas están no Pavillón de estudantes no campus de Elviña na Coruña e na Vicerreitoría no campus de Ferrol.

PARTICIPA, EXERCE UN DOS TEUS POUCOS DEREITOS.


Xuntos podemos máis agora é a túa quenda!!

Maio 29, 2007

Xa queda pouco para o día 31 de maio, para a elección do comité de empresa do noso colectivo. Por iso pedimosche o teu voto e a túa confianza na nosa candidatura, para poder levar a cabo as nosas propostas e reivindicacións.

A nosa principal preocupación será lograr a estabilización laboral do noso colectivo. Queremos normalizar a nosa situación na UDC en canto a representación nos órganos de goberno, a inclusión no Plan de Acción Social da UDC, conseguir un plan de estabilización, promover un plan de formación específico, a aplicación de políticas de igualdade e saúde laboral.

Resumindo, queremos a equiparación de dereitos co convenio PDI-Laboral e PAS-Laboral.

Elixe UGT con toda Confianza e fai túa a nosa lista.

A hora de votar non te esquezas de votar o día 31 de maio, tes 2 horas do teu horario laboral para exercer o teu dereito, entre as 10 e as 17 horas, en Ferrol na Vicerreitora e na Coruña no Pavillón de Estudantes no campus de Elviña.

Moitas grazas por confiar en nós,

VOTA UGT


Unha ducia de razóns en común

Maio 23, 2007

Como parte do noso programa sindical para o noso colectivo plantexamos as seguintes demandas:

  1. Queremos ter representación nos diferentes órganos colexiados da Universidade: Consellos de Departamento, Xuntas de Facultade etc.
  2. Queremos ter dereito á negociación das nosas condicións de traballo.
  3. Queremos poder defender os nosos dereitos, todos os dereitos e os dereitos de todos, mesmo ante os tribunais.
  4. Queremos transparencia nos procesos de selección e contratación.
  5. Queremos estabilidade, formación permanente e inclusión no fondo social.
  6. Queremos que se nos considere como un colectivo propio dentro da UDC. Posto que as atribucións e deberes do noso colectivo son específicos e como, polo de agora, non se nos considera PAS nin PDI, esiximos que se definan e tipifiquen con claridade os nosos dereitos, deberes e funcións.
  7. Queremos residencias públicas para o noso colectivo.
  8. Queremos ter dereito á elección do período de vacacións.
  9. Queremos ter acceso ás políticas de seguridade e hixiene.
  10. Queremos negociar a definición clara dos postos de investigador e do persoal asociado a proxectos, de tal maneira que se definan con claridade, non só as atribucións de cada un deles, senón tamén outros aspectos como poden ser as renovacións.
  11. Queremos dispor dun servizo de apoio ao novo investigador que promova a realización de encontros de novos investigadores, proporcione apoio financeiro, ofreza un servizo gratuíto de tradución de artigos, facilite a mobilidade dos nosos investigadores no ámbito da Unión Europea etc.
  12. Queremos esixir o cumprimento dos dereitos do Estatuto do Persoal Investigador en Formación e a equiparación co resto dos traballadores.

En definitiva, queremos loitar por conseguir melloras básicas e imprescindibles para o noso colectivo dentro da UDC.


Participación en contra da precariedade na UDC

Maio 11, 2007

Na universidade da Coruña existe, desde hai moito tempo, un colectivo ignorado a todos os niveis. Este colectivo está formado por unha variedade amplia e heteroxénea de xente contratada e bolseiros-contratados, que abrangue desde os programas predoutorais María Barbeito, FPI, FPU e os propios da UDC, até a xente contratada a cargo de proxectos ou convenios e os contratados a cargo dos programas da UDC coa Xunta para a contratación de persoas desempregadas. Esta heteroxeneidade leva a que este colectivo se convirta nun caixón desastre onde todo vale, ninguén coñece os seus dereitos e ninguén se fai cargo dos problemas específicos de cada grupo.

 

Esta é a primeira vez que a UDC se lembra de que existimos, convocando unhas eleccións sindicais nas que podemos participar todas as traballadoras e todos os traballadores, a pesares de que se esqueceran de nós no proceso xeral de eleccións, tendo que convocarse estas eleccións específicas.

 

Ao partirmos dunha situación tan precaria, na que os dereitos básicos e fundamentais nin sequera están contemplados, o noso obxectivo principal é a equiparación laboral dos membros do noso colectivo cos equivalentes das categorías correspondentes a PDI laboral e PAS laboral da universidade da Coruña, segundo a natureza dos labores que realiza cada posto de traballo.

 

O obxectivo deste blog é ser un foro aberto de debate para discutir os nosos problemas e facer propostas para un programa en contra da precariedade e en prol da equiparación dos nosos dereitos laborais.

 

Grazas a todas e a todos pola vosa colaboración.


Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.